Avezar

Sobre min

Ola! |

Son Tania, a educadora social que impulsa Avezar.

Nacín e crieime na cidade da Coruña, onde tamén estudei a carreira de Educación Social, aló polo ano 2003. O interese por aprender levoume a Santiago de Compostela, onde me doutorei no ano 2016 cunha tese centrada no papel terapéutico do tempo de lecer no proceso de recuperación da violencia machista.

Nos últimos anos, aprendín moito traballando coas compañeiras de Arabías e levo máis dunha década coas compañeiras Fiadeiras, enredada nos feminismos e traballando para incorporar a perspectiva de xénero na nosa profesión. De aí xorde a inquedanza de pór a andar un proxecto como Avezar, pois é palpable a necesidade de contar con espazos de aprendizaxe e divertimento desde o feminismo e na nosa lingua.

Hai un tempo, volvín ás orixes rurais e instaleime coa miña familia nunha aldea do concello de Curtis. Desde este lugar da montaña coruñesa, coa forza das antecesoras e das aliadas actuais, nace este proxecto persoal para darlle renda solta á creatividade, ao saber e á transformación coeducativa.